Saturday 11 de May de 2024

Citas coa cultura en San Sadurniño o venres e o sábado


Venres 4, 19:00h, Galería da Casa do Concello
Inauguración da exposición “Meigas, sabias e mulleres boas”, de Carme Romero
A ceramista fenesa Carme Romero Díaz exporá até mediados de decembro en San Sadurniño a súa colección “Meigas, sabias e mulleres boas”, na que lle rende tributo á meiga como peza fundamental da sociedade tradicional galega e ás mulleres donas do seu destino, en contraposición coas ‘meigas’ malvadas importadas da cultura pop americana. A mostra está composta por pezas policromadas duns 50 centímetros que representan caras e formas reflectindo un episodio ou unha vida destas mulleres “que non teñen nada que ver co concepto de bruxa que ten a maioría da xente. Estas son as meigas galegas que tiñan un papel importante de axuda na sociedade”, tal e como explicaba a autora nunha entrevista.

A mostra -que xa pode visitarse desde esta semana en horario de atención ao público das oficinas municipais- inaugurarase oficialmente este venres ás 19:00h. Ademais da autora e o público que queira achegarse, no acto tamén participarán representantes municipais e a profesora Pilar Vázquez, membro da Asociación Cultural Eira vella. A inauguración contará co acompañamento musical da guitarrista Iria Quintía e da zanfonista Candela Quintía.

Sábado 5, 20:00h, Casa da Cultura
Actuación da Corral poliafónica do Aturuxo de Melpómene (entrada libre)
Música e humor coa “corral poliafónica” do Aturuxo de Melpómene, un colectivo de creación escénica -e un grupo de voces- que ten no seu repertorio cancións de autoría propia e outras que son versións de pezas ben coñecidas, adaptando as letras para contar con retranca historias do día a día.

A “corral” está formada por 11 compoñentes de toda a comarca, entre elas o músico Carlos Mosquera “Mos” -autor dos arranxos musicais- ou o artista Leandro Lamas.